Buxaina (banda)
- Para ver o artigo sobre o xoguete, véxase Buxaina.
Buxaina é unha banda de gaitas galega da parroquia de Taragoña (Rianxo), formada por alumnado da escola musical da parroquia.
Historia
[editar | editar a fonte]A escola de frautas e percusión tradicional foi creada o 7 de novembro de 1993, e tivo a súa primeira actuación en xullo de 1995 co motivo das Festas de Verán de Taragoña. Desde a súa orixe foi dirixida por Alma María Caamaño Romero, diplomada en Educación Musical pola USC. Tamén estudou piano e conxunto vocal no Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela, e recibiu clases de Prudencio Romo, Xosé Carou e Xosé Romero.
Actualmente a escola conta cuns 80 alumnos, dos cales 40 forman a banda, distribuídos en 20 gaitas, 4 bombos, 6 tambores, 10 pandeiretas e 3 acordeóns. Nos seus concertos e pasarrúas utilizan gaitas afinadas en dó. A percusión é exclusivamente galega, usando parches de coiro. Actualmente para os concertos, trabállase na incorporación doutros instrumentos, como punteiros en distintas tonalidades, darbuka, teclado ou culleres, dando un aire novo as melodías interpretadas.
O repertorio musical consta de pezas tradicionais recollidas en cancioneiros populares galegos (Pucho, Casto Sampedro...), e tamén de obras recollidas pola zona. A súa vestimenta é o traxe galego de gala das rías Baixas galegas.
Actuaron no Festival Folclórico de Cordeiro en 1996, no programa Luar da TVG, na I Festa da Terceira Idade da Baña, no VII Concurso Folclórico de Baile e Música Tradicional de Cerdido, no VI Día da Muiñeira de Noia, no VII Certame Folclórico de Padrón, II Certame Galego de Bandas de Gaitas e Instrumentos Tradicionais Galegos de Betanzos, XI Festival Folclórico de Escarbote (Boiro), XIII Campionato de Liga Galega de Bandas de Gaitas, VII, VIII e XIX Encontros Nacional de Bandas de Gaitas e grupos folclóricos, e diversas festas, romarías e certames do Barbanza e arredores.